venres, 8 de decembro de 2017

GAITEIROS, AS PRIMEIRAS REFERENCIAS

                                    
                                   


 Foto anónima que aparece en "Ribadeo na Memoria"

Se ben quen escribe non ten intención algunha de que as publicacións sigan unha estricta orde cronolóxica, si parece lóxico que á hora de botar a andar o fagamos dende a orixe do tema, máis que nada para poder ter a perspectiva exacta de onde vimos. De tal xeito que considero apropiado que esta primeira entrada xa metidos en fariña ,máis alá de presentacións, trate sobre as primeiras referencias que atopamos na nosa comarca do que hoxe entendemos por música tradicional, e máis nomeadamente sobre a gaita e os gaiteiros.
Mais antes de nada, cómpre contextualizar a figura do gaiteiro, pois só deste xeito poderemos entender realmente a importancia que este tivo na sociedade galega durante séculos. 
Porque o gaiteiro popular foi unha figura indispensable en todas as reunións festivas fosen do tipo que fosen : Festas Patronais, romarías, celebracións...  Mesmo nos séculos XVI e XVII o gaiteiro é unha figura normalmente institucionalizada sendo contratado, case sempre de forma anual, por concellos , gremios ou confrarías, que dispoñían deste xeito dun gaiteiro oficial durante ese período de tempo. Así por exemplo, polas actas municipais, hoxe podemos saber que en Ribadeo, xa polo ano 1536  o gaiteiro era escollido nun "pleno" municipal, preferentemente o primeiro que se celebrase no ano. O cargo mesmo se podía herdar pasando de pais a fillos, o que dá boa mostra da súa importancia social e do grado de institucionalización que acadou.
Do primeiro gaiteiro galego do que temos referencia é Johan Gonçalves. A referencia curiosamente non veu dada pola súa función musical, senón que aparece como testemuña dunha venta no ano 1374 citando esa como a sua actividade.
" testemoyas Fernán Xordo morador en Vilar Jeestoso, Johan Gonçalvez gayteyro, Affonso Pérez Alvello, Affonso Pérez ferreyro moradores de dito moesteyro et outros." 
Parece ser que era de terras de Monfero, se ben tamén hai quen afirma  que era da parroquia de Sta María de Labrada, limítrofe con ese concello coruñés, mais xa en terras do concello lugués de Guitiriz.
Se falamos da Mariña, a primeira referencia da que eu puiden ter coñecimento atópase  en Ribadeo no ano 1570. Ese ano, coma sempre no primeiro pleno do ano escolleuse o gaiteiro, que tería que poñer son aos desfiles das confrarías, aos bailes dos gremios, ás celebracións do pobo en xeral.  Asimesmo faise constar que o tamborileiro se contrataría por funcións, é decir, contrataríase a maiores para acompañar ao gaiteiro pero só cando esas celebracións fosen de grande importancia.  Pois con data 20 de outubro hai unha acta dun onde se reflexa o acordo para a contratación do tamborileiro BARTOLO DAS ACEAS para celebrar a chegada da cuarta esposa de Felipe II.  Concretamente a acta dí así:
      "Por cuanto es cierto que S.M.la Reina Ana de Austria, 4ª esposa de Felipe II, ha sido desembarcada en España y conviene que por la buena venida de S.M. haga en el pueblo sentimientos  de contento con procesiones y alegrías: por ende todos los vecinos de la villa y arrabales tengan en sus ventanas candelas encendidas la noche del sábado que viene y hagan fuegos en las calles principales, con que no resulte daño, y el domingo vayan antes de la misa a la procesión, desde la Iglesia de Nuestra Señora, hasta la de la Trinidad de la Atalaya: que se hagan disparos de artillería: que los obligados de las carnicerías traigan dos toros a costa de la villa para ser corridos, y que venga Bartolo das Aceas a tañer el tamboril."
Converteuse así Bartolo das Aceas na primeira refrencia explícita que eu puiden atopar, o que xunto á propia sonoridade do nome, e  a que moi posiblemente se refire a un topónimo mariñán (As Aceas está a un par de km de Ribadeo na estrada que vai pegada ao Eo dirección A Veiga) me fixo bautizar o blog co seu nome.
É evidente  que ser a primeira referencia atopada non quere decir ser o primeiro da comarca, nin tamborileiro nin gaiteiro, só o primeiro que eu puiden ter atopado, do que puiden atopar constancia.  Pero é imposible que, seguro que vos tamén xa botastes as contas, se douscentos anos antes xa había gaiteiros non os houbera tamén polos nosos lares.  Nese senso sería preciso sumerxirse horas e horas nos arquivos e seguro que poderían aparecer máis informacións. Se algún día dispoño de máis tempo prometo facer ese traballo e tratar de botar luz a todos os datos que poida, e facer novas entradas que completen esta, aínda a sabendas que seguramente nos arquivos nos vaiamos atopar a mesma e constante problemática que para estudar os datos de moitos anos despois a través de referencias de prensa: sempre vai ser máis probable atopar referencias de gaiteiros/grupos urbanos que dos rurais.  
En todo caso coido que o que puiden ir recopilando xa cando menos serve para facer unha composición de lugar do tema a tratar.

Ben, feito este pequeno inciso, e retomando ese 1570 como punto de partida, non volvo atopar referencias ata o ano 1608. Nese ano celebráronse, tamén en Ribadeo, corridas de touros polo S.Xoán, para o que habilitaban unha praza pechando bocarrúas. Pois ben estas corridas foron amenizadas por un tal Juan Freire á gaita e seu irmán ao tambor, cobrando por tal labor a cantidade  de 24 reais.

En Mondoñedo, nas festas que se celebran o 24 de Outubro do ano 1.611 na honra de San Rosendo contrátanse cinco gaiteiros pola cantidade de 8 reais cada un.

No 1613 e tamén en Ribadeo  atopamos a contratación do gaiteiro para ese ano recaendo tal sorte na figura de Alonso Fernández por un total de 6 ducados.

No 1618, volvemos atopar unha festa taurina, neste caso en Mondoñedo, e pola cal as autoridades acordan chamar un tamborileiro e dous gaiteiros para que asistan á mesma dándolles a cada un a cantidade de 16 reais.

 No ano 1625 o gaiteiro que tocaba o día da festa de Santiago, en Foz, cobraba 3 reais (Arquivo Diocesano de Mondoñedo. Foz, Libro de Fábrica nº1 fol 7).  Se alguén repara na presunta diferencia cos honorarios dos irmáns Freire en Ribadeo 17 anos antes hai que aclarar que estes aparte de que eran dous, tocaban varios días porque esas corridas de touros perfectamente podían celebrarse durante toda a semana e no caso da Festa de Foz xa explicita que se trataba dun só día.
Voltamos a Ribadeo no 1681 onde voltamos a atopar unha acta que, se ben obvia o nome concreto do gaiteiro e do resto de contratacións,  exemplifica o que comentabamos antes desa contratación no primeiro pleno do ano e tamén do status social deste  (se comparamos co resto de funcións escollidas) pois esta dí así:
"El 1º de año, como todos los demás años, se hace nombramiento de escribano-secretario, tres regidores, procurador general, fabricario de Sta María del Campo, mayordomo de los Hospitales de San Sebastián y S.Lázaro, y de las Cofradías de Ánimas, Santísimo y del Rosario, de la ermita de Nuestra Señora del Camino y Santiago de Vigo, sacristán, dos relojeros, riero, Regidor da la Villa, campanillero, alcalde de la Hermandad, Gaitero y Maestro de niños, eligiendo procurados las rilleras de arriba y abajo"

O 28 de Maio de 1.664, en Mondoñedo, contrátase a tres gaiteiros para o tradicional baile das tres danzas que se celebra co gallo da subida da Virxe dos Remedios desde a Catedral ata o seu Santuario.

 Voltando a  Ribadeo, na acta do 17 de xullo de 1694 atopamos o seguinte: "Antonio de Torres, arrendatario de zientos y propios de la villa pagará a Juan Lopez Cabaleyro, gaitero desta villa, dos ducados de vellon por su salario de medio año".

Xa no 1700 polas festas do Corpus, en Mondoñedo, as imaxes de S. Isisdro e Sta María da Cabeza báixanse en procesión ata a catedral acompañadas de gaita e foguetes.

Nesa mesma festa pero do ano 1703, o gremio dos xastres encárgase de pagar os oito danzadores e máis o gaiteiro que actúan na celebración.

                                                                  GAITEIROS E IGREXA

Se ata o de agora todas as referencias que atopamos son de gaiteiros contratados polas arcas municipais, e nalgún caso por gremios, en Mondoñedo polo 1706  atopamos outro exemplo típico de contratación da época, a das confrarías.  Segundo consta no libro das constitucións da cofradía da Santísima Trinidad, a maior parte dos seus cofrades pertencían ao gremio dos xastres, que como vimos con anterioridade xa tiña feitas contratacións de gaiteiros e danzadores.
Por medio da publicación Do Obispado, tomo III de D. Eduardo Lence Santar, antiguo cronista de Mondoñedo, temos noticia de varios cofrades que tocaron a gaita na cofradía. O 29 de maio de 1.706 son admitidos Domingo Rego, veciño da Graña de Villarente (Abadín) e a súa dona María López por comprometerse o primeiro a tocar a gaita o resto da súa vida o día da Santísima Trinidad e a véspera por catro reais cada un .  Se vos fixades practicamente percibían o mesmo que cen anos antes na festa de Foz ou nas Corridas de Ribadeo. Aquí partimos do compoñente da devoción dos gaiteiros pola confaría pero en todo caso xa queda patente que o da remuneración escasa dos gaiteiros xa ven de lonxe.
Ben, feito este reivindicativo inciso, e seguindo coa mesma confraría, o  23 de xaneiro de 1.773, morre o  gaiteiro que tiñan nese momento, Sebastián Tomás López, Tomás do Couto do Outeiro, que fora admitido no 1750 a cambio de tocar gratuitamente todos os anos o día da Santísima Trindade e a véspera. Este estaba casado con María Margarita Bouso, veciña do lugar “do Salgueirón”, no barrio de “A Cuba” da parroquia de San Pedro de Argomoso. O día do seu enterro tivo tres misas, unha cantada con vixilia, responsos e seis votivas, o que fala da importancia da súa figura. O día 5 de xuño do ano 1.773 son admitidos na confraría Manuel López Bouso, fillo de Tomás e a súa dona Margarita Paz, quedando Manuel obrigado a tocar a gaita, mentras viva, no día da Santísima Trinidad e a véspera, exemplo do que falabamos de cargos que pasaban de pais a fillos.
No 10 de Xunio do 1.838 é admitido na Cofradía o gaiteiro Ramón Otero, que cobrará anualmente a cantidade de 6 reais.
Boa mostra da importancia que os gaiteiros tiveron mesmo a nivel eclesiástico témolo tamén Mondoñedo, concretamente na Igrexa dos Remedios onde no seu retablo se pode observar a figura tallada dun gaiteiro axeonllado tocando a gaita para o Neno Xesús. Por Lence Santar sabemos que esa imaxe foi reparada no 1745 polo que a bo seguro que se fixo con moita anterioridade. 

  Outro exemplo de confraría "gaiteira" atopámolo na Confraría da Virxe do Carme, en S.Martiño.  Onde hoxe compiten en decibelios, luminaria e parafernalia  a Panorama e a París de Noia, xa dita confraría facía festa, sen tanta sofisticación, cada 16 de xullo. Nesa data, pero do ano 1726, ingresan dous nobres na confraría, son Xoán Antón e súa  irmá Margarida de la Barrera e tamén ingresa nesa data "don Antonio Perez de Miranda, musico de gaita",     (Arquivo Diocesano de Mondoñedo, libro de Fábrica da capela do Carme nº1.)

Cinco anos antes,  no 1721 e voltando a Ribadeo e ás celebracións pagás, temos que ese verán se celebraron uns festexos con motivo do embarazo da Duquesa de Hixar e dun "desembargo" do reino de Aragón. Entre outras actividades festivas atopamos que unha das atraccións foi unha Máscara coa súa gaita. Isto da máscara non deixaba de ser o que hoxe chamariamos unha comparsa de carnaval. Deste formato xa tiñamos unha refrencia anterior nas festas dos Remedios de Mondoñedo do ano 1.699 onde tamén  houbo unha "mázcara", acompañada de gaiteiros, tambor e danzadores.

Volvendo ao tema pecuniario atopamos no exemplar nº 6 de La Defensa  de  06 de xullo de 1918 un artigo que falaba das festas de Viveiro no século XVIII precisando que nas do ano 1724 o gaiteiro e o tamborileiro ademais do propio salario acordaran tamén que os gastos da "mantenda" os asumise o municipio de tal xeito que o salario en si, ou se descoñece ou o artigo o omite pero os gastos desas "dietas " foron  de 19 reais e medio o gaiteiro e 19 reais e 8 maravedís o tamborileiro.

Onde si sabemos con exactitude os honorarios é no S.Lourenzo de Foz dos anos 1807, 1808 e  1809. En 1771 atópase a primeira referencia a dita festa e no ano 1807 atópase a seguinte anotación "el gaitero que toco en la funcion de San Lorenzo lleva 20 reales" (ADM lib Fábrica Foz, nº2 fol 165v). No 1808 cobrou exactamente o mesmo. No ano 1809, en cambio,  tan só cobra 6 reais, o que posiblemente se deba a que se acababa de expulsar aos franceses, en xullo marchan de Galicia, e non andarían as arcas moi abondosas.

Polo ano 1.809 en Mondoñedo, o mestre da Capela da Catedral José Eusebio Pacheco dirixe unha comparsa composta de gaita, tambor e outros instrumentos. Esta é a primeira referencia de estructura de grupo que poidemos atopar na comarca.

Nas festas que se celebran en Mondoñedo co gallo da aprobación da Constitución de 1.812 o Concello convoca a tódolos gaiteiros do contorno e tamén aos tambores e pínfanos de alarma para tocar polas noites nas fogueiras que terán lugar na Praza da Catedral, alternando coa Capela de Música que se colocará no balcón do Consistorio.

Seguindo en Mondoñedo, para celebrar a maioria de idade de Isabel II nos días 1 e 2 de Decembro do ano 1.843 dous gaiteiros acompañados por dous tambores de milicia percorren o pobo anunciando
a festa a partir das oito da mañá.

E contan as crónicas que  na Festa do San Ramón, na parroquia de Viloalle, no 1.869, estaba contratado o Gaiteiro de Zoñán, que compartía cartel coa Pachacha, cega tanxedora de violín. Namentres o gaiteiro acompañado polo bombo e redobrante toca as muiñeiras, os fandangos e os zapateados no lugar da festa, a cega tocaba ó pé do río onde se xuntaron os partidarios dos bailes agarradiños.

E por último, a derradeira referencia que atopamos do pre-esplendor gaiteiril na comarca atopámola en Mondoñedo onde despois de varios escarceos carlistas dende o 1874 finalmente no 1876 decretouse o fin da guerra polo que se acorda facer celebracións durante dous días con "músicas, voladores, gaitas y tamboriles"...

Finais de século XIX, tempos de axitación , de cambios, pero tamén tempos de música, tempos nos que xa comezaban a agromar gaiteiros que despois tiveron renome e foron referencia como Xugo, ou mellor dito Xuio de Cangas, Coruxeiras, Lerín de Fanoi, Choumín,.... as primeiras formacións... etc etc Un mundo marabilloso do que iremos falando polo miúdo.
A entrada de hoxe chega ata aquí. Unha entrada na que é todo o que está pero non está todo o que é, mais que en todo caso coido que sintetiza o contexto e que deixa ben ás claras que ao contrario do que a moitos lles poidera parecer esta foi unha comarca que non quedou atrás  neste eido e na que se reproduciron, como acabamos de ver, os esquemas musicais, formas de contratación, influencia, importancia social, institucionalización etc que viviron os gaiteiros do resto do país.  De aquí vimos... así que aos que trascenderon no tempo os seus nomes, aos que non, sirvan estas liñas para amosar o meu recoñecimento e homenaxe. Porque quen non honra o seu pasado, nin vive o seu presente nin loita polo seu futuro.        

Bibliografía e Blogs consultados
-Apuntes sobre Ribadeo, de Fernando Méndez San Julián
-Ribadeo Antiguo, de Francisco Lanza
- Miscelanea Mindoniense de Andrés García Doural
-A Música en Mondoñedo, de Andrés García Doural e Moncho García González
O meu agradecemento tamén a Xoán Ramón Fernández Pacios por varios dos datos que aquí se aportan.



venres, 24 de novembro de 2017

Preludio

                                                                   PRELUDIO

 A historia da música tradicional galega aínda está por escribir. É máis, nunca se escribirá. De feito é imposible facelo por moitos motivos. Basicamente porque é imposible compendiar todos os datos da, por fortuna, rica e abondosa historia musical deste país . Pero é que ademais moitos deses datos fóronse perdendo  polo camiño, ou no mellor dos casos, son datos incompletos. Así, a modo de exemplo, adoitábase nomear aos gaiteiros polo seu lugar de procedencia, ignorando o seu nome completo, converténdoos así moitas veces en persoaxes anónimas ou mesmo en lendas que nalgún momento ata cuestionaban a súa existencia. Así temos, por exemplo, o Gaiteiro de Penalta, o Ventosela , o de Soutelo… E se nos remitimos á nosa comarca pois o Coruxeiras, o Xugo de Cangas ou  Pego do Pereiro,  por poñer só algún dos exemplos máis significativos. Evidentemente en moitos casos, froito precisamente do traballo posterior de posta en valor, fomos completando e coñecendo parte deses datos.

O que sí temos é abondosos relatos de cachiños desa rica historia. É habitual atopar libros, traballos, discos etc relacionados con vellos gaiteiros, grupos noutrora de referencia, coa música en determinadas zonas do País etc etc.

Son eses pequenos cachos de historia os que, pegados , poderían ir constituindo de por sí, esa historia global nunca escrita e imposible de escribir.

E nese senso, a nosa comarca, A Mariña de Lugo, aínda habendo cousiñas, algunha por certo de gran calidade sobre as que a bo seguro falaremos,  é un pequeno lunar, unha pequena zona escura en canto a ese tipo de traballos.

Ese é, con toda a modestia do mundo pero tamén con toda a boa vontade, o obxectivo deste blog. Ir botando luz a pequenos retazos da historia musical da nosa comarca e ir, xaquelogo,  poñendo a bo recaudo aqueles datos que podemos ir recopilando para salvalos do esquecemento e contribuir así a deixar menos incompleta esa fascinante historia global.

Bota logo así a andar este blog deixando clara unha premisa fundamental: como esa historia global, este pequeno retazo desta esquiniña do País tamén vai ser incompleta, en ocasións pode que inexacta e a bo seguro que inxusta. Incompleta e inexacta primeiro pola propia limitación do autor e porque as dificultades  para atopar hoxe fíos dos que tirar son moitas e as fontes que poidan quedar falan de vivencias de hai moitos anos. E inxusta porque a bo seguro que quedarán moitas cousas no tinteiro que serían máis que dignas e merecedoras  de ser recollidas.

E porqué Bartolo das Aceas? Por qué  ese nome? Pois a seguinte entrada, que aínda está en fase de elaboración pero que procuraremos sacar en breve  e na que falaremos  das primeiras referencias que atopamos na comarca  vos sacará de dúbidas. De feito, el é a primeira referencia. Mais de momento quedádevos só con ese dato que xa de por sí  lle fai ser  un nome clave na historia da música tradicional na  nosa comarca.

Pídovos logo xa de antemán comprensión ante a dificultade da empresa,  pero tamén axuda. De tal xeito que calquer aportación que consideredes nos artigos que se vaian publicando ou para futuros é de total benvida. Pois é entre tod@s como mellor se levan a cabo  os proxectos.


Arrincamos!

              Foto anónima que apareceu na colección de La Voz de Galicia "A Mariña na Memoria"