xoves, 15 de marzo de 2018

DANIEL MÉNDEZ COROAS, DANIEL DO ROXO, O GAITEIRO DE BRETOÑA


                                                                              

Hoxe hai exactamente un mes que despediamos a  Daniel Méndez Coroas máis coñecido como Daniel do Roxo ou O Gaiteiro de Bretoña. Entereime polas redes sociais, concretamente a través das da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Nese mesmo momento decidín que tiña que escribir algo no blog sobre el, non se me ocorreu mellor maneira de homenaxealo. E púxenme mans á obra, aparcando un texto xa bastante avanzado sobre outro tema que xa verá a luz cando lle toque. É por isto que no mes de febreiro non fixen ningunha entrada, o que tratarei de compensar tentando facer dúas en marzo.
Para acadar material de Daniel toquei varias portas e, se ben algunha se abriu por completo, aínda estou pendente de recibir moito máis material gráfico e sonoro  polo que a medida que vaia sendo posible irei actualizando. Pero parecíame simbólico darlle saída ao texto precisamente nunha data tan escollida coma esta. Así que, feita esta introducción, metámonos xa en materia.  

Daniel  naceu o 8 de agosto do ano 1923 no barrio do Fitoiro,  no pobo que está aos pes da cancela, nunca mellor dito, que une A Mariña coa Terra Cha, Bretoña, no concello da Pastoriza.  E ao igual que Maeloc con respeito da  antiga Britania podemos considerar a Daniel como principal representante dos gaiteiros  do lugar.
     Porque tendo en conta esas orixes  bretonas, e polo tanto celtas da localidade non podía ser doutra maneira, Bretoña foi tamén  berce de música desa mesma raíz tendo, como decimos, a Daniel como un dos seus principais referentes, como gaiteiro e mesmo tamén como artesán.
A afección da gaita veulle polo seu irmán Prudencio. Este era o que tocaba pero tivo que ir á guerra onde por desgraza perdeu a vida. De tal xeito que a gaita de Prudencio quedou na casa sen  que en principio ninguén poidese facela “falar”. Ata que Daniel, á idade e 14 anos, se decidiu a collela e aprender. Foi unha aprendizaxe  completamente autodidacta.
Escoitaba pezas doutros gaiteiros nas festas . nas fías de liño e aprendía as melodías de memoria. Ao chegar á casa collía a gaita e alí estaba tratando de sacar nota por nota ata que acadaba por reproducir a melodía na súa totalidade.  Así, ao tempo, Daniel foise convertendo nun gaiteiro  de pouso, dos que non deixaban indiferentes ao escoitalos tocar.
Co paso do tempo, non se conformaría só con tocar, senón que en principio reproducindo a súa  propia gaita, e despois probando novas características e torneados acabaría sendo tamén un artesán de referencia na zona se ben non tivo unha producción demasiado grande.

                                                                            

 Daniel era o que se considera un manitas e sabía traballar a madeira xa que, de feito,  o seu oficio “real” era o de zoqueiro.  Por motivos obvios a economía como zoqueiro íalle mellor en inverno que no verán polo que en tempada estival  aproveitaba a maior actividade como gaiteiro para sacar unas pesetas que lle axudaran a complementar os ingresos.  Era nese tempo cando máis se prodigaba nas saídas fóra de Bretoña (moitas das veces que tocaba en Bretoña non cobraba nada) sendo mesmo habitual velo tocar en Foz diante dun bar que había no porto.  
                                                                                   

Hoxe en día moito  do seu repertorio está plenamente  introducido no repertorio popular de boa parte d@s gaiteir@s do  país. Mesmo hai pezas que tocou tanto que as acabou popularizando e co tempo se lle acabaron atribuíndo a el coma se fosen da súa autoría, como a Mazurca de Bretoña. Non obstante hai datos que deixarían ver que a peza é mesmo anterior a Daniel, mesmo parece ser que xa o seu irmán prudencio a tocaba, se ben foi  el, como xa dixemos, un dos gaiteiros que máis e mellor a tocou.


Outro exemplo de peza que popularizou Daniel , sempre ademais facendo mención á súa benquerida Bretoña foi a Muiñeira de Bretoña.
                       
                                             
Ese foi, sen dúbida,  un dos máis grandes méritos de Daniel, ser o perfecto nexo de unión entre aqueles antigos gaiteiros das fías, das festas que sen banda nin moito menos orquestra, tiñan o son da gaita como única invitación ao baile, cos nosos tempos, cos gaiteiros e gaiteiras actuais, que moitas veces sen sabelo, tocamos pezas antiquísimas e que chegaron aos nosos días polo bo facer e polo legado que gaiteiros como Daniel nos transmitiron. Así, vede por exemplo nos seguintes videos como esas dúas pezas que popularizou Daniel chegaron ata os nosos días e se seguen tocando da man de grupos actuais en dous formatos ben distintos:


                    
E non só foi transmisor de melodías nese inexorable paso do tempo, foi tamén testemuña directa da evolución social dos gaiteiros. Comezou, como os seus predecesores tocando nas fías, nas festas sendo o único protagonista musical das mesmas , tocou no salón de baile de Bretoña e rematou no derradeiro tramo pois tocando vodas, alboradas, festas  pero xa nese papel  secundario ao que moita xente nos quere relegar e no que o  importante nas festas é que veña unha orquestra canto máis cara mellor, canto máis grande sexa o palco mellor e canto máis ruído faga mellor.
Por todo o dito, é moito o que lle debemos a Daniel e, en xeral , a todos eses gaiteiros desa xeración  transmisora non só de música senón tamén de cultura, dunha forma de vida e dun estatus para o gaiteiro que dificilmente se volverá a repetir.
Así o entenderon dende a asociación mindoniense Pena do Golpe, que o 16 de decembro do ano 2007 lle fixeron unha máis que merecida homenaxe e Daniel no auditorio municipal de Mondoñedo .  Porque se ben Daniel  era  un gran embaixador da súa querida Bretoña, non é menos certo que Mondoñedo e toda a súa contorna foron tamén  testemuñas de moitas das súas actuacións.



Agora alí onde esté quizais poida, como de novo , volver coincidir co gran Xosé Seivane, quizais poidan  seguir tocando, falando dos segredos dunha boa gaita. Quen sabe, haberá que estar coas orellas e o corazón abertos, e quizáis os ventos entre a Serra de Meira e os máis orientais altos do Xistral veñan cargados de afinados arpexios saídos das súas mans.  Porque o ceo estase enchendo de gaiteiros e xa só por iso o ceo cada vez é máis ceo.
Dende a terra, dende o presente, trataremos de seguir co seu legado,  para que en parte nunca nos acaben de deixar, e para que o que onte foi pasado e hoxe é presente, mañá poida ser futuro.

 Ata sempre Daniel

Informante:
-        Xoán Carlos Bouso Carballeira
-         Iván Alvite Alvite
Bibliografía:
-        Anuario da gaita 2009 (Nº24) da Escola Prov. de gaitas da Dep. de Ourense
-        Entrevista en La voz de Galicia 16/12/2007

Ningún comentario:

Publicar un comentario