venres, 12 de xaneiro de 2018

OS CANTOS DE CEGO NA MARIÑA

                                             

Unha das expresións musicais e culturais máis fascinantes que houbo no noso país foron os cegos e cegas ambulantes (ou os que actuaban como tal porque non sempre o eran ou non o eran en totalidade) que foron feira a feira, pobo a pobo, en ocasións mesmo casa a casa, cantando sucesos, amoríos, crónicas sociais e mesmo políticas. Eran unha especie de "Sálvame" que poñía á xente ao día da actualidade en todos os sentidos da mesma. É por isto, que ás veces, sobre todo nas festas e feiras,  esas coplas eran vendidas polo acompañante acadando gran aceptación por parte do gran público. Nalgúns casos, aparte destas coplas e romances, tamén incoporporaban ao seu repertorio pezas bailables de todo ritmo, tradicional ou non, co cal se aseguraban unha gran versatilidade e capacidade de adaptación ao que o público requerira en cada momento.
   O certo é que todo ese conxunto de persoas soubo facer da desgraza e da necesidade virtude. Porque imaxinade o que podía ser para unha persoa quedar cega nun momento e nunha sociedade sen cobertura nin dereitos sociais de ningún tipo. Nunha época ademais onde a posibilidade de chegar a esa discapacidade era moito máis grande que na actualidade, polo azote de certas enfermidades xa case desaparecidas, porque a sanidade obviamente era moito máis precaria etc.
Esta , polo tanto , era unha das poucas saídas laborais  que lles podía quedar a todo este colectivo. E desa necesidade fixeron unha forma de vida e esta, seguramente sen eles pretendelo, sen ser conscientes delo, converteuse nun inmenso e valioso legado de patrimonio inmaterial  que hoxe temos a responsabilidade de conservar e poñer en valor.
En Galiza as actividades d@s ceg@s andantes están acreditadas cando menos dende o sec. XVI. O máis habitual era que as crianzas cegas fosen encomendadas a cegos "profesionais" para que estes se ocuparan da súa especial educación para os particulares modos de vida que lles agardaban. E en ocasións a educación musical formaba parte desas materias lectivas. Outra opción era algunha das poucas Escolas que había cun ensino adaptado acorde as súas necesidades. En Santiago estaba a "Real Sociedad de Amigos del País" coa que colaboraban diversas entidades, e  tamén ‑ e foi a máis destacada ‑ estaba o "Colegio Regional de Sordomudos y de Ciegos".
Seguramente o cego andante máis coñecido e recoñecido foi Florencio dos Vilares (1914-1986), o Cego dos Vilares ou tamén coñecido como o Cego da Fontaneira. O de ter varios nomes respondía case sempre a unha cuestión toponímica. Se o cego mudaba de residencia pois pasaba a denominarse "o Cego dese novo sitio de residencia". Así Florencio foi o Cego dos Vilares porque nese lugar da Fonsagrada naceu e foi tamén o cego da Fontaneira porque nese lugar de Baleira acabou vivindo.  Florencio foi un dos últimos cegos andantes e sen dúbida ao que máis material se lle recolleu. 

Como explica o gran artesán e gaiteiro Xosé Seivane  no video que se adxunta máis abaixo (Recollida de Luis Prego no 94), Florencio foi alumno de Santa Marta, un cego de  Riotorto que era moi bo no violín, se ben  parece que a relación foi curta e non moi cordial. Parece ser que o forte carácter de ambos fixo que que non se entenderan e que Florencio unha vez abandonado o mestre se convertise en autodidacta. Neste senso tamén hai quen opina que aínda sendo certa esa tensa relación, Santa Marta foi o verdadeiro mestre que lle transmitiu a técnica e boa parte do seu repertorio. Sexa certa unha ou outra tese a  bo seguro que eses poucos meses de convivencia a Florencio lle axudaron nesa formación co instrumento no que, segundo din,  nunca chegou ao nivel do ensinante, o que compensou  cun gran oído que lle facía aprender as pezas ao voo e cun gran inxenio e espontaniedade á hora de facer as coplas . O nome real deste Cego ensinante era Xosé Santamaría, e era coñecido como Santa Marta ou o cego de Valeira, polo que é razonable pensar ese fose un lugar desa parroquia de Riortorto. 

Pero Santa Marta non foi, nin moito menos, o único cego andante  da nosa comarca. Porque, A Mariña obviamente, non foi allea a esta realidade social e musical. Tampouco foi o violín o único instrumento que empregaban, anque sí o predominante. Houbo cegos, como veremos máis adiante, que tamén tocaban o acordeón ou mesmo a gaita. En Galiza outro instrumento típico dos cegos andantes foi a zanfona se ben na Mariña só poidemos atopar referencia deste instrumento  por Eduardo Lence Santar, gaiteiro, etnógrafo e primeiro cronista oficial de Mondoñedo que nun artigo que hoxe aparece recollido no Libro Etnografía Miondoniense, libro de escolma de artigos seus que editou  Armando  Requeixo, onde afirmaba que "nas misas de Saldaxe e Lagoa, alá polos anos entre 1878 e 1895, tocaba a zanfona a  popular Pepa d´o Queixo,  de Bretoña, que foi a derradeira que tocou este instrumento na zona de Mondoñedo" 
Porque si, Mondoñedo podemos decir que foi o epicentro dende o que partiron a maior parte de ceg@s mariñáns. E foi tamén punto de chegada de Cegos doutras comarcas, pola importancia histórica da cidade e obviamente pola popularidade das súas festas e feiras. Ata tal punto chegou esta actividade na cidade que no ano 1.872 nas Ordenanzas da Policía Urbana e Rural para Mondoñedo e o seu término, no artigo 227 expónse o seguinte: "Los titiriteros, saltimbanquis, ciegos y músicos que por razón de su ocupación suelen atraer gente para verlos y escucharlos, podrán colocarse en sitios en que no embaracen el tránsito, pero dejando siempre libres las aceras y bocacalles y siempre que en sus acciones, discursos y cantares se abstengan de todo lo que pueda ofender la moral pública."
Voltando a Lence Santar, unha fonta inesgotable da que beber, atopamos que en “El Norte de Galicia”, núm. 1123, pág. 1.,  fixo unha crónica da Feira de Gontán do ano 1894 na que entre outras cousas decía  "Una vez en el recinto, se encuentran a varios ciegos cantando y tocando sus violines, explicando las raras y sorprendentes pinturas que en grandes lienzos, a modo de estandartes, tenían sus acompañantes en las manos y que representaban el hombre de nueve cabezas, La Arpía americana, la mujer anfibia y sus crías.
Media feria contemplaba con admiración lo que los ciegos cantaban, apresurándose a comprar las historias que lograban aprender de memoria en las largas y pesadas noches invernales."


                                                                       AS CEGAS

En canto ao xénero, se ben adoitamos falar de cegos por ser os homes maioría, tamén houbo mulleres cegas ambulantes. Seguramente a de máis renome foi  Dolores Gómez Lage (1874-1971) , de Peredo (Castroverde) e coñecida como a Pereda, a Cega de Peredo ou a Cega a de Miranda. Na Mariña da única cega da que temos constancia foi a Pachacha.
A Pachacha foi unha cega do Couto de Outeiro, na terra de Mondoñedo, que tocou o violín en moitas das festas e romarías que se celebraron na bisbarra aló polo século dezanove. Tamén levou a súa música durante moitos anos por outros pobos da Galicia chegando a tocar nas provincias de León, Asturias, as dúas Castelas e o Norte de Portugal.
Unha das festas nas que adoitaba tocar é a do San Ramón, na parroquia de Viloalle, e contan as crónicas que na de  1.869, onde tamén estaba contratado o Gaiteiro de Zoñán, tívose que dividir a xente en dous grupos, namentres o gaiteiro acompañado polo bombo e redobrante toca as muiñeiras, os fandangos e os zapateados no lugar da festa, a cega tocaba ó pé do río onde se xuntaron os partidarios dos bailes agarradiños. Un dos temas que tocaba no violín é a peza popular "Me gustan todas".
Tiña unha criada chamada Toña, natural da parroquia de Labrada (Abadín) que ademais era costureira, botaba a peneira, levantaba de palabra a espiñela e sabía moitos cantares, adiviñas, contos populares e romances, entre eles o de "Delgadiña".
Delgadiña delgadiña
delgada da miña ialma!
Pillaime a esa traidora
pillaime a esa malvada
Cerrádema nunha sala
con siete llaves cerrada
Quitáronlle o viño                                                          
quitáronlle a iauga
i a comer lle daban
touciño i vaca salada
Delgadiña coa sede
se asomó a una ventana
víra vir a sus hermanas
 a la fuente catar agua
                                                                                                                               
Anos máis tarde o violín da Pachacha, que vemos na foto, foi parar á familia do que fora tenor e  violinista da Catedral Enrique Iglesias, que tocou nel desde os doce anos.                

OS CEGOS COMO TEMPOREIROS NA EMIGRACIÓN
Unha boa mostra da importancia que os cegos e a súa música acadaron a finais do século XIX e principios do XX foi que estes foron requeridos para tocar temporalmente en distintos países das "Américas".  O motivo non era só a súa calidade musical senón que pola súa especial "característica" eran especialmente apreciados para amenizar festas privadas nas que estaba terminantemente prohibido observar, ver ou comentar.  O caso é que esta actividade chegou a estar tan ben remunerada que en poucos viaxes algún cego incrementou notablemente  o seu patrimonio. Isto atraeu a picaresca, de tal xeito que foron varios os músicos que, sen selo, se fixeron pasar por cegos para poder ser partícipes do "negocio". Así un dos primeiros músicos da comarca en ir facer as Américas foi José Antonio Ramos Gasalla (1853-), O Refaixeiro, do Couto, en Mondoñedo, quen, con máis de 25 anos e unha preparación musical sobresaínte emigrou  para tocar o violín varios anos en Bos Aires, finxindo ser cego.
Outro músico "pillabán " da zona foi  Benito Vivero Paz , coñecido como Roquitos de Lagoa, do que se sabe que morreu en 1954, que tamén fixo dúas viaxes a Bos Aires, acompañando ademais a un bo amigo seu, pero que neste caso si que era cego de verdade e do que falaremos máis para adiante . Roquitos era clarinetista e tocaba en dúo co amigo, que tocaba o violín. Ese amigo era Cecilio Casabella, o Cego de Frexulfe (O Valadouro) . Parece ser que na primeira viaxe tiveran grande éxito xa que ademais de tocar nas famosas festas, tocaban na rúa, deténdose os trolebuses e os tranvías para escoitalos. Non foi xa así na segunda ocasión. En todo caso ambos fixeron a pequena e desexada fortuna aínda á conta de asumir no caso de Roquito os riscos propios da súa simulación. Sobre isto el mesmo contaba que: "nas grandes mansións dos arredores da capital celebrábanse auténticas bacanales erótico-festivas, ás que asistía xente con gran poder adquisitivo, e para as cales eramos contratados polo feito de sermos cegos. Mais nunha ocasión un dos asistentes fixo un xesto que me resultou moi simpático e non conseguín reprimir o riso, detalle que captou o mencionado convidado. Este advertiu ao resto da posibilidade que eu non fose cego, o cal nos podía traer consecuencias moi graves. Mentres se acercaba  ocorreuseme humedecer  as zapatas do clarinete con saliba para que taponasen ben. Cando el se acercou e se inclinou a mirarme os ollos, boteille todo o cuspe na cara de tal xeito que quedou convencido que non vía. Se nos chegan descubrir ao mellor nos xogabamos ata a vida..."

CECILIO CASABELLA VÁZQUEZ ( 1869-1942), O CEGO DE FREXULFE   
Foi coñecido tamén como o Cego de Canoura ou O Cego do cigarro.  Aos dous anos contraeu viruela salvando a vida milagrosamente pero perdendo a vista. Coa pérdida de visión , o neno desenrolou outras capacidades, as musicais entre elas, que lle permitiron completar unha vida plena e chea de experiencias.
Sábese que Cecilio para aprender a tocar o violín ía a algún lugar de preto de Zoñán, en  Mondoñedo ou nalgún lugar entre Zoñán e Labrada (Abadín) polo que tendo en conta as cronoloxías vitais é probable que o seu mestre fose Manuel Reigosa O Cego de Espiñarcao (Abadín). Este, nado no 1860, quedara cego aos 8 meses e tamén pola viruela. Outra opción que coincide cronoloxicamente e espacialmente e que, polo tanto, non se pode descartar  é que aprendese de Benigno Soto, O Roso, ou tamén coñecido como O Cego de Rego de Cas (Mondoñedo) do que falaremos polo miúdo máis adiante. Esta opción ademais gaña enteiros porque sabemos que o Roso adoitaba ensinar a tocar e porque era nativo do concello de Ourol, e concretamente da parroquia de Silán, a mesma da que era nada Amalia Cabeza, que non era outra que a dona de  Cecilio.

                                          Cecilio Casabella, coa súa familia  

Despois de casar, no 1900 Cecilio emprendeu a primeira da catro viaxes que fixo a Arxentina, neste caso con Eliseo Cabeza, fillo que Amalia xa tivera de solteira. No 1907 repetiron a viaxe. Eliseo quedou tan prendado do país sudamericano que decidiu quedar e instalarse alí.  E aí foi cando tivo que cambiar de compañeiro e fixo as dúas viaxes xa relatadas co seu amigo Roquitos de Lagoa.
Esas viaxes eran sempre en outono-inverno porque aquí eran menos as labores e porque ao ser verán alí, collían as "tempadas altas" a ambos lados do atlántico. De tal xeito que estando na casa asistía a feiras, festas , mercados ao igual que o resto de cegos.
A maiores, Cecilio rexentou un muíño, o muíño de Chaíño, na súa parroquia de Frexulfe. Contan que distinguía os sacos pola forma de estaren atados, e que cando ía repartir sabía onde estaban os cruces de camiños polo son dos cascos da besta ao bater co chan.  
                                               Muíño de Chaiño

Cecilio donou o seu violín á directora dun dos colexios de Lugo onde estudaron os seus fillos.
A modo de anécdota, cómpre decir, que Cecilio Casabella deixou semente musical e de gran calidade pois un dos seus netos non é outro que o gran Miro Casabella, que mesmo se ten presentado nalgún evento decindo "son o quinto neto dun cego cantor de coplas..."   Ese vínculo, non só con seu avó, senón con toda esa cultura de cegos músicos, poetas e pregoeiros quedou patente o 28 de marzo de 2015 pois nesa data, na Feira de Ferreira do Valadouro Miro homenaxeaba coa súa música ao Cego de Viloalle, cego do que por suposto tamén falaremos, e que era un asiduo desa feira, así como tamén o era o Cego de Loiba (Ortigueira) do cal polo Valadouro aínda lembran as súas coplas “Eu son o cego de Loiba / nacido na Rúa de Petín / vouvos contar un caso que me pasou a min / a miña Carmencita cando tiña os vinte anos cumpridos / non había quen lle dixera nada / e era a envidia dos veciños… “. 

                                          Miro Casabella tocando na homenaxe na feira de O Valadouro

BENIGNO SOTO PAJÓN (1877-1949), O ROSO OU O CEGO DE REGO DE CAS
 O Roso nace en Silán (Ourol)  no ano 1.877. Aprende a tocar o violín e comeza a tocar nos derradeiros anos do século dezanove. Mais adiante contrae nupcias con Maripepa Carvajal fixando a súa residencia en Mondoñedo, no lugar de Rego de Cás pertencente á parroquia dos Remedios. Froito do seu matrimonio nacen os fillos Jesús, Josefa, Nieves e José. O Roso ensaia nun corredor de madeira que hai na súa casa, situada na beira da estrada que vai a Zoñán. A veciñanza e os nenos e nenas  do lugar xúntanse diante da súa porta para escoitalo. Chega a manexar o violín con moita mestría e forma un dúo co seu veciño José das Montañesas, que toca nun bombo de reducidas dimensións. Xuntos tocan nos bailes que se celebran polas vilas de Romariz, Labrada, Espiñarcao, San Vicente, Galgao, Bretoña, Sta. María Maior, Trabada... chegando algunhas veces a amenizar festas pola comarca da Terra Cha. Durante certo tempo tamén o acompaña a súa filla Josefa.
Cando saen de xira soben polo camiño da Infesta acompañados dun burro que levan para o transporte dos instrumentos e despois de permanecer entre 15 e 30 días tocando fora das casas, cando regresan traen o animal cargado con diversos alimentos (carnes, ovos, patacas, chourizos...) que lles dan nos lugares onde tocan, tamén xuntan algúns cartos que recadados nos bailes, onde cada un dos asistentes aporta o que pode.
Contan que nalgunha ocasión encontrase co lobo cando atravesan a montaña, pero Benigno di:"... con dous golpes de bombo o lobo asustase e bota a correr", e tamén opina que: "...é mellor ter ó lobo de compañeiro que a un mal home".
Segundo  contan os veciños do lugar O Roso é un home alegre e ten fama de ser un bo contador de contos. Benigno ademais de tocar ben tamén canta e presume de ter unha boa voz. No seguinte video Xosé seivane canta unha das súas coplas.


                                                     Xosé Seivane cantando unha copla do Roso

Hai un romance que narra un crime , na parroquia de Toxoso, en Ourol, e que por proximidade xeográfica ao seu lugar de nacemento e lugar ademais onde comezou a súa faceta musical que ben podería ser da súa autoría se ben é algo que obviamente non se pode asegurar. Dito romance, que o grupo folk mariñán Nordés gravou no 98 no seu disco Egovarros Namarinos, dí así:

E na vila de Toxoso                                                Valentín era bon mozo
a tres leguas de Trasbar                                        home de moito sentido
habitaba un matrimonio                                       e por iso Blanca Rosa
 de moi avanzada idade                                        lo prefiere por marido

Con eles tamén teñen                                          Rabeando Manuel de celos
unha filla moi fermosa                                         xurou tomar a venganza
rapaza de vinte abriles                                         e afiou os coitelos
e de nome Blanca Rosa                                        con que su padre capaba   

Le cortejan dos rapaces                                        Esperose a Valentín
de muy buena posición:                                        que viña de traballar
Valentín da Fiandeira                                             o coseu a puñaladas
e Manuel do Capador                                             e logo o foi a enterrar.

 Na maior parte dos lugares onde toca sempre hai unha casa onde comer e durmir por conta dos veciños. No inverno cando chega a estación da matanza dos porcos toca polas casas de Cesuras, Zoñán e Pelourín onde se celebran as tradicionais comidas e ceas dos callos.
No Roso tamén destaca a faceta de mestre musical pois ensinou a varios cegos a manexar o seu instrumento e a facer del o seu xeito de vida. Xa vimos que  moi probablemente foi el quen ensinou a Cecilio Casabella, o Cego de Frexulfe e sabemos que lle ensinou tamén a Manuel Martínez Chao, Mané veciño tamén de Rego de Cas , pero que despois se trasladará a vivir a S.Miguel onde pasará a ser coñecido como Jota Baril e do que falaremos máis adiante.
O Roso morre viúvo cando conta coa idade de 72 anos, o día 26 de Abril de 1.949. O seu fillo Jesús Soto Carvajal continúa a tradición familiar tocando o violín durante uns anos ata que emigra a Cuba, aínda que uns anos despois ó regresar a Mondoñedo volve a tocalo de novo.

ANTONIO LEXIDE FERNÁNDEZ (1895-1976), O CEGO DE VILOALLE


Outro dos músicos da zona de Mondoñedo que percorría vilas e cidades cantando as coplas e tocando o violín, sobre todo na primeira metade do século, era Antonio Lexide Fernández, o Cego de Viloalle. Nace o 9 de Xaneiro do 1895 en Millarado, na parroquia de Viloalle.
A enfermidade da viruela prívao da vista cando só ten oito anos, ingresando despois nun colexio en Compostela onde aprende a tocar o violín. De volta a Mondoñedo comeza a frecuentar as feiras dos arredores tocando e vendendo coplas acompañado polos seus irmáns Ramón e Marcial, máis adiante pola súa muller, e despois pola súa filla Sabina, que vai con el dende pequena e ás veces canta algunha copla mentres Antón toca o violín e faille os coros. Durante un tempo tamén toca con el o seu sobriño Rafael.
É fácil velo nas San Lucas vendendo os panfletos do último crime, ou preparando o arco para interpretarlle ás xentes que veñen de toda a zona o romance máis espectacular da temporada. Pode presumir de ser amigo do ilustre escritor Alvaro Cunqueiro, a quen tantas veces acode para que lle amañe as coplas dos acontecementos, a maior parte delas baseadas en feitos reais. Tamén interpreta outro tipo de pezas entre as que destacan algúns cuplés.
Tódolos anos realiza unha xira que comeza pasado o carnaval e remata pola festa do San Xoán. Percorrendo as catro provincias galegas, León e Asturias e chegando ata Medina de Rioseco onde para polo San Isidro.
Antón sempre está de bo humor, o pitillo entre os beizos é algo que non lle pode faltar. Contan que chega a ter problemas cos familiares de acusados en certos delictos, os cales se opoñen á venta e canto das coplas. Moitas delas son sacadas do semanario El Caso, diario famoso na época por relatar todo tipo de crimes.
Entre as cantigas que interpreta Antón encontramos Romance de las dos gemelas, Cuatro niños envenenados, Vinde mociños e mozas, Carta de Pepe a Rosa e A tola de Cangas de Onís (que quixo comer ó seu home pola noite, morrendo desangrado). Morreu no lugar de A Cabana na parroquia de Viloalle, o día 30 de Abril do ano 1976.
No 2015, como xa contamos Miro Casabella homenaxeouno no Valadouro onde era habitual no mercado e onde aínda hoxe o lembran  tocando e vendendo coplas onde hoxe está a fonte. Alí mesmiño era a casa de Miro Casabella e a bo seguro que dende ela ten visto e oído ao cego.

Estas eran algunhas das súas coplas:

EL CRIMEN DE CORTEGADA                  

En la villa del Rabiño
partido de Cortegada
habitaba un matrimonio
modelo de fe cristiana.
Él se llamaba Goaquín
y su esposa Doña Goana
que estuvieron nel Brasil
y janaron mucha plata.
que tenían los sus aforros
juardados en una jarca.

A eso de la medianoche
cuando el jallo no cantaba
por la puerta del guardín
los criminales entraban
y al can que estaba en la porta
y que la casa juardaba
le dieron tal puntapié
que le abrieron las entrañas.

En el piso principal
la criada daba jritos
sin que vinieran a oírla
ni los mismos anguelitos...

Y para que pronto callara
los criminales subieron
Le metieron en la boca
un edredón y una almohada,
un gran mantón de ocho puntas,
un cobertor y dos mantas.

La ajarraron por los pelos,
la chimpan por la ventana
yendo a caer de fuciños
donde estaba la estercada
y allí entre malos olores
la pobre entrejó su ialma.

Despertaron a la suejra
que dormía en su camastra
la suejra lo escuchó todo
y se fue hacia una alacena
donde ajarró una escopeta
que tenía para caza
y les espetó dos tiros
a semejante canalla
por encima de sus jetas
y por entre las ajallas
dejándolos feitos trizas
para inservible morralla
luejo llamó a la justicia
para dar cuenta de talla
Y el crimen fue conocido
por toda la vecindalla..

Moraleja:
Padres que tenéis higos
higos que vais a la escuela
no olvidéis que es importante
tener en la casa a una suejra
porque aunque a veces nos riñe,
y nos araña y nos peja,
también nos juarda la casa
ijual que un perro de presa.
------------------------------------

Velliña, cangada de anos,
non teño de leria gana,
pro hoxe quero falar
da miña vida pasada.
Cheguei ó cumio da grórea,
e foi tanta a miña fama
que con Príncipes vivín
e c’o propio Rey moraba
cando conquistou Sevilla
Fernando o Santo pr’a España.
E fun, con Pedro d’a Ponte
e Martín Codax, escrava
d’as suas cantigas de amigo,
copras com’a fel amargas.
Chorei c’o infelís Macias
por querencias mal pagadas.
Bernaldo de Bonaval
feríame n’as entrañas
co-as cantigas de escarnio
com’a un coitelo afiadas.
Trovas a Santa María
o sabio Rey entonaba
ó meu son, n’a fala nosa.
para que ó ceo millor chegaran.
Dempois vivín esquecida
e fin de cote aldraxada,
pro sempre o espritu celta
levei n-estas catro táboas.
Foron moitos os traballos
que pasei e despreceada
de Reis, Señores e Grandes,
farta xa de ser sua escrava,
fuxín d’os Pazos, e libre
fun pol-o pobo amparada,
i-en troques fíxeno rir,
chamándolle nomeadas
ós que ingratos me olvidaran,
e de cegos n-a compaña
alegrei as romerías,
corrín feiras e fiadas,
e non faltaba n-as bodas,
ás que era sempre chamada.
Vivín para o pobo e no pobo
afinquei a miña fama,
mais o meu son era soave
i-o estrondo das charangas
apagou a miña voz
e fun para sempre olvidada.
Todas as miñas hirmáns
morreron apolilladas,
i-as poucas qu’índa quedamos
non temos folgos pr’a nada.
Estou roida dos ratos
e comesta d’as tarazas;
soio falo pol-a roda
i unha corda enfiañada.
Pro atópome contenta,
pois logo hei de ser vingada,
por un home que loitou
para verme resucitada,
i-as miñas rebustas netas,
novamente frabicadas
han tocar os sons doídos
i-as alegres foliadas,
co-as sinxelas melodías
n-istes tempos olvidada

MANUEL MARTÍNEZ CHAO (1897- 1957), JOTA BARIL
 O “Mané” naceu en Rego de Cas, (Mondoñedo),a fins do 1897. Seus pais vendían quincalla de feira en feira naqueles momentos. E era nas feiras onde a gran maioría dos mercadores ambulantes, titiriteiros, músicos,… se daban cita chegados de diferentes lugares da bisbarra.
O Manuel, á tenra idade de sete anos, quedou cego dun ollo tras unha enfermidade.  Inmerso dende o primeiro momento nun mundo de músicos, titiriteiros e mercadores ambulantes e con grandes cualidades para a música, aprendeu de moi novo a  tocar o violín de mans do Benigno Soto Pajón, “O Roso “ ,como xa vimos con anterioridade.  Dende moi novo trasládase a San Miguel de Reinante e dende alí comezou a ir de festa en festa vendendo e cantando coplas que escribía, ou lle escribían. Noutras ocasións   intercambiábaas con outros músicos nos diferentes lugares de encontro.
 Percorría numerosos pobos do redor: Arante, Remourelle, Fazouro, Mondoñedo, Foz …  durante o verán, e polo inverno viaxaba cara as montañas de Galicia e Asturias co seu burriño, abrigado cunha chaqueta longa e arrastrando nas zocas. Por San Miguel víase máis no inverno vivindo nun pequeno alpendre no barrio chamado o Curro.
Nas súas viaxes, durmía onde lle deixaban: cuadras, alpendres...  e a cambio tocaría  durante as esfollas e mallas. Cando Jota Baril chegaba comezaba a festa, “seica che manca o zoco Mané” ou “toca outra jota Baril” coreaba o público nas esfollas que facían no Curro,  orixinando así o seu nome artístico, Jota Baril.
Tocaba o violín pechando nun ollo e nas súas cantigas en moitas ocasións exaltaba aos heroes da república, cantigas prohibidas posteriormente durante o réxime.
Nos primeiros anos ía acompañado do seu criado chamado de mal nome o “Zangamulo”, ao que lle pagaba un real . Zangamulo acompañaba a Baril coa percusión e ademáis ía sinalando cun pao ao público as principais escenas do que Baril narraba. Tras Zangamulo, tivo numerosas acompañantes femininas.
Visita foi a que máis tempo compartiu con Manuel . Era asturiana e viña escapada dos horrores da guerra civil, vira como fusilaban a seus irmáns por ser republicanos coma ela e o Manuel. Non sabía ler nin escribir pero Leonardo, sobriño do Manuel, líalle as coplas e ela memorizábaas con facilidade e interpretábaas coa súa voz prodixiosa. Cando a guerra finalizou,  ela foise para a súa terra para nunca máis voltar. Despois de Visita virían outras mozas.
Manuel morreu no ano 1957 con apenas sesenta anos en Foz deixándonos sen a súa música por sempre, o seu violín deixou de tocar.
Ao longo da súa vida, chegou xuntar máis de 1500 coplas. Estas coplas  que foron destruídas despois da guerra por medo, xa que a gran maioría eran de exaltación da república e o medo naqueles anos durante o réxime era palpable en tódolos recantos do pobo.
Sorte que queda Leonardo , seu sobriño, que de memoria recordou e transcribiu algunha desas coplas.

Manuel nos tempos da guerra chegaba co seu violín ao barrio dos Campos onde amenizaba as tardes dos domingos cando os bailes foron suspendidos, de forma que contribuíu a esquecer os horrores e preocupacións da guerra a veciños e veciñas.
Aquí deixamos unha copla das que este home de San Miguel, pobo que sempre levou no corazón, interpretou  nos anos previos á guerra.

García y Galán
Mariposas que cernís el vuelo
Allá en el sepulcro cantad y decir
Si es verdad que hay Dios en el cielo
Los dos sepulcros debe bendecir
Y un castigo dar al Caín que llamándose rey
Pisoteó la ley Constitucional.
No lloreis a Galán ni a García
Murió la maestría
La idea quedó.
Si su sangre vertieron un día
abierto el camino a España dejó
sólo para ver poco a poco caer al farsante
que luce un brillante sin sudarlo el.
El que tiiene dinero no siente
Las penas que pasó el trabajador
Derramando el sudor de su frente
Y dando el producto al explotador
dijo así Galán, y al momento
de ser fusilado dió un Viva cerrado
Por la libertad.

VICENTE VILLALBA MASEDA (1910- 1985), O CEGO DE GROVE 


Vicente naceu no lugar de Grove, na parroquia de Sta. Mª de Vilamor, en Mondoñedo. Perdeu a vista de neno despois de sufrir un desgraciado accidente  ao estouparlle un barreno que atopou xogando nas canteiras de Vilamor.
Despois disto ingresa nun colexio de cegos onde aprende a escribir e ler braille e onde adquire uns coñecementos culturais aceptables así como certas habilidades entre as que se atopa tocar o acordeón.
Co acordeón comeza  a percorrer a bisbarra coincidindo nalgunha ocasión co Praviano, outro músico de acordeón mindoniense pero neste caso perfectamente vidente. Con el chegaría a acompañalo durante varios anos que realizan cantando e vendendo coplas.  Precisamente coa nai do Praviano acaba casando e fixan a súa residencia no barrio  das Abidueiras. Máis adiante trasladaranse a vivir ao barrio de San Pedro da Torre.
Mantivo unha boa amizade co cego de Viloalle, co que tamén adoitaba coincidir nas xiras pola comarca ou mesmo por outros puntos do país.
No  1955 ingresa na ONCE pero non lle fai moita graza vender o cupón e segue exercendo a profesión musical tocando polas vilas e pobos da comarca.


Uns anos despois trasladáronse a vivir a Ribadeo e continúa tocando polas feiras e festas da comarca acompañado da súa dona. Tamén ten por costume tocar ás portas das Igrexas cando entra e sae xente das misas. Así por exemplo aínda hoxe hai moita xente que os lembra na Igrexa que está a carón do mercado en Ribadeo.
Nos derradeiros anos da súa vida retorna a Mondoñedo onde reside coa familia da súa dona no Coto de Outeiro ata que o 29 de outubro do 85 morre tres días despois de sufrir un infarto.


ELADIO FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ (1927-2000), O CEGO DE ALDIXE OU CEGO DOS MUÍÑOS

Eladio nace en Aldixe (Abadín) en decembro do ano 1927. De neno ingresa interno no "Colegio Regional de sordomudos y Ciegos", en Compostela, onde aprende cultura xeral ademais de ler e escribir en braille.
Ademais complementa os seus estudos aprendendo a tocar varios instrumentos: violín, acordeón, e gaita. Mesmo chega a ter tamén un bombo e uns platillos.
De novo toca nas foliadas e nas fías que se celebran polas aldeas dos concellos de Abadín e Mondoñedo e Vilalba. Nalgunha ocasión toca tamén na Festa do antroido que se celebra na parroquia de San Vicente, onde ten lugar unha curiosa competición entre os  veciños, que consiste en ver quen é capaz de aguantar máis tempo bailando A Raspita.
Algunhas das pezas que Mini e Mero recolleron a Eladio foron:

                                              Letra e partitura de "As Mozas de Aldixe"
                                        Letra e partitura do Parrafeo de Xaquín da Sebe Torta e Marica



Partitura Xota de Burgás



Despois de casar dedícase a cantar e vender coplas polas feiras de Gontán, Vilalba, Meira, Cospeito e outras da comarca . Era habitual velo tamén nas portas da muralla, en Lugo. 
No ano 1963 trasládase a Mondoñedo, residindo primeiro no barrio do Pasatempo e despois nos Muiños de Arriba, dos que acaba recibindo o alcume. Nese tempo abandona a labor musical  e comeza a traballar como vendedor de lotarías na cidade, anque nalgunhas festas que se celebran, animado polos veciños e amigos, colle o violín ou a  gaita para interpretarlles unhas melodías. Ainha hai quen o lembra tocando no Folión dods Muíños pola noite de S.Xoán ou na Festa do S.Pedro, na Fonte Vella e tamén nalgunha casa particular da rúa Méndez Núñez.
Cando a súa muller Matilde morre, Eladio fixa a súa residencia na Coruña onde seguiu vendendo lotaría.
Xa nos últimos anos tentan que actúe no programa Luar, da TVG pero el declina a invitación. Afortunadamente Xosé Luis Rivas, "Mini"  e Baldomero Iglesias, "Mero"foron quen de recollerlle parte do seu repertorio e coplas.
Morre na Coruña o 6 de xaneiro do 2000. O acordeón, o bombo e os platillos foron vendidos a outros músicos mindonienses e a gaita e o violín consérvanse en mans da súa familia.
                                          Gaita e violín de Eladio
  


Eladio foi o derradeiro cego andante da Mariña e un dos últimos do país. Ata aquí  chega unha historia fascinante, unha historia chea de xente valente, de xente con talento, pero sobre todo de xente que soubo adaptarse ás circunstancias, que soubo facer da súa eiva un modo de vida. unha xente que como xa dixemos ao principio, sen seren conscientes, se convertiron en verdadeiros referentes do tesouro patrimonial que este país ten coa música tradicional en todas as súas formas.  Recitemos as súas coplas, toquemos as suas pezas, falemos das súas xestas, só así seguirán estando vivos, só así o seu legado non se perderá. A min dende logo non se me ocorre mellor homenaxe.   


Bibliografía:
- Etnografía Mindoniense, de Eduardo Lence Santar
- A Música en Mondoñedo, de Moncho García e Andrés García Doural 
- Lembranzas musicais do Valadouro, de Francisco Piñeiro e Mª Paz Rodríguez,
- Florencio, cego dos Vilares, de Dorothe Schubarth, Antón Santamarina, András Vavrinecz e Ramón Pinheiro
- Cantos, coplas e romances de cego (I), Recollida de Mini e Mero
Cantos, coplas e romances de cego (II), Recollida de Mini e Mero

Blogs:
- Miscelanea Mindoniense
- CadernodeAntonioReigosa
-Vasoiras da Xibarda
- Os Espigueiros
- A Fiestra de Masoucos

Webs:
- Apoi-mpg.org
- ocantodopobo.ophiusa.com

Xornais:
-Sermos Galiza 255

Outras fontes:
-Fuco Vázquez, do Grupo Nordés
-Luis Prego: Recollida a Xosé Seivane en febreiro do ano 94 
- Etnograía Mindoniense (paxina facebook) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario