PRELUDIO
A historia
da música tradicional galega aínda está por escribir. É máis, nunca se
escribirá. De feito é imposible facelo por moitos motivos. Basicamente porque é
imposible compendiar todos os datos da, por fortuna, rica e abondosa historia
musical deste país . Pero é que ademais moitos deses datos fóronse perdendo polo camiño, ou no mellor dos casos, son datos
incompletos. Así, a modo de exemplo, adoitábase nomear aos gaiteiros polo seu
lugar de procedencia, ignorando o seu nome completo, converténdoos así moitas
veces en persoaxes anónimas ou mesmo en lendas que nalgún momento ata cuestionaban
a súa existencia. Así temos, por exemplo, o Gaiteiro de Penalta, o Ventosela ,
o de Soutelo… E se nos remitimos á nosa comarca pois o Coruxeiras, o Xugo de
Cangas ou Pego do Pereiro, por poñer só algún dos exemplos máis
significativos. Evidentemente en moitos casos, froito precisamente do traballo
posterior de posta en valor, fomos completando e coñecendo parte deses datos.
O que sí
temos é abondosos relatos de cachiños desa rica historia. É habitual atopar
libros, traballos, discos etc relacionados con vellos gaiteiros, grupos
noutrora de referencia, coa música en determinadas zonas do País etc etc.
Son eses
pequenos cachos de historia os que, pegados , poderían ir constituindo de por
sí, esa historia global nunca escrita e imposible de escribir.
E nese
senso, a nosa comarca, A Mariña de Lugo, aínda habendo cousiñas, algunha por
certo de gran calidade sobre as que a bo seguro falaremos, é un pequeno lunar, unha pequena zona escura
en canto a ese tipo de traballos.
Ese é, con
toda a modestia do mundo pero tamén con toda a boa vontade, o obxectivo deste
blog. Ir botando luz a pequenos retazos da historia musical da nosa comarca e
ir, xaquelogo, poñendo a bo recaudo
aqueles datos que podemos ir recopilando para salvalos do esquecemento e
contribuir así a deixar menos incompleta esa fascinante historia global.
Bota logo
así a andar este blog deixando clara unha premisa fundamental: como esa
historia global, este pequeno retazo desta esquiniña do País tamén vai ser
incompleta, en ocasións pode que inexacta e a bo seguro que inxusta. Incompleta
e inexacta primeiro pola propia limitación do autor e porque as dificultades para atopar hoxe fíos dos que tirar son
moitas e as fontes que poidan quedar falan de vivencias de hai moitos anos. E inxusta
porque a bo seguro que quedarán moitas cousas no tinteiro que serían máis que
dignas e merecedoras de ser recollidas.
E porqué
Bartolo das Aceas? Por qué ese nome?
Pois a seguinte entrada, que aínda está en fase de elaboración pero que procuraremos
sacar en breve e na que falaremos das primeiras referencias que atopamos na
comarca vos sacará de dúbidas. De feito,
el é a primeira referencia. Mais de momento quedádevos só con ese dato que xa
de por sí lle fai ser un nome clave na historia da música
tradicional na nosa comarca.
Pídovos logo
xa de antemán comprensión ante a dificultade da empresa, pero tamén axuda. De tal xeito que calquer
aportación que consideredes nos artigos que se vaian publicando ou para futuros
é de total benvida. Pois é entre tod@s como mellor se levan a cabo os proxectos.
Arrincamos!
Foto anónima que apareceu na colección de La Voz de Galicia "A Mariña na Memoria"
Por curiosidade... de onde é/foi o Coruxeiras, Xoán?
ResponderEliminarParabéns polo blogue e obrigado!
Manuel Prieto Rego, que así se chamaba era do barrio de Coruxeiras, do que recibiu o alcume, na parroquia de Reigosa (A Pastoriza). Pero a súa faceta musical, ademais de desenrolala na súa propia contorna chairega, tivo tamén especial relevancia na Mariña, sobre todo en Mondoñedo.
EliminarSupoño que cando pos o Xugo de Cangas te refires ao XUIO de Cangas. Non sei se foi un erro na transcrición ou aparece así nalgún sitio, pero realmente como se coñecía era como O Xuio. Era o avó de meu pai pero, desgraciadamente, non teño nada de información sobre el. Se logro averiguar algo a través dos membros da familia que aínda viven xa cha paso. Noraboa polo blog e adiante sempre.
ResponderEliminarRefiro refiro. Xa sei que realmente era Juan Antonio do XUIO. Quen tivo o erro no seu día foi Lence Santar (algún tiña que ter o home porque en realidade nunca a obriga lle habemos dar pagado de todo o que ten recollido deste tipo de cousas e en todo o referente á etnografía da zona), que lle chamou así en todos os textos onde fai referencia del. Practicamente os únicos , por certo, que o nomean, que eu saiba. E por iso acabou trascendendo con ese nome. No seu momento conto facer unha entrada del onde hei aclarar o tema pero de momento optei por deixalo así para non liar á xente, sobre todo do mundiño, que xa poida saber del con ese nome. Ademais agora xa sei outra fonte da que procurar beber que co teu parentesco non contaba hehe. Grazas pola achega e xa falaremos logo do tema.
Eliminar